Excursión de fin de curso á Illa de Ons + Convivencia - Un día máis para lembrar

 


Onte, domingo 1 de xuño, vivimos unha xornada moi especial na Illa de Ons coa excursión de fin de curso organizada grazas ao Plan + Convivencia da Deputación de Pontevedra, que subvencionou a actividade e fixo posible que 144 persoas puideran desfrutar dunha experiencia única nun dos espazos naturais máis fermosos de Galicia.

O tempo, que nos tivera preocupadas nos días previos, finalmente acompañou e permitiunos gozar dun día espectacular. Pola mañá, fixemos unhas rutas guiadas pola illa, descubrindo a súa fauna e flora, coñecendo mellor o Parque Nacional das Illas Atlánticas e marabillándonos coa súa beleza salvaxe.

A empresa Alecrim Actividades acompañounos durante toda a xornada, axudándonos a conectar coa historia, a cultura e o espírito da Illa de Ons. Grazas a elas puidemos entender por que Ons forma parte dun dos parques naturais máis importantes de España, e como se mantén viva a súa esencia.

Xa pola tarde, tivemos tempo para descansar na praia, xogar e compartir momentos en familia. Os nenos e nenas gozaron cun xogo de pistas organizado tamén por Alecrim, no que tiveron que resolver probas mentres descubrían recunchos da illa. Foi unha actividade chea de emoción e diversión, que tanto os peques coma as familias desfrutaron moitísimo.

Non queremos rematar sen dar as grazas á Deputación de Pontevedra polo apoio a través do Plan + Convivencia, e tamén polo agasallo das botellas reutilizables que recibiron todas as persoas participantes: un detalle útil e consciente, en sintonía co respecto ao medio ambiente.

Grazas a todas as familias que vos animastes a vir. Foi un éxito grazas a vós. Ata o ano que vén!